Wednesday 24 de April de 2024

O abastecemento de auga municipal de Moeche chegará aos lugares do Loureiro, os Acivros e a Casatellada


Hai uns días falabamos do proxecto de ampliación da rede de auga municipal en San Xurxo e hoxe toca anunciar o inicio da licitación do proxecto de abastecemento desde o lugar do Loureiro até os Acivros e a Casatellada, en Santa Cruz. A documentación está xa publicada no Perfil de Contratante do Concello dándolles de prazo ás empresas interesadas ata o 23 de setembro para que presenten as súas ofertas. A actuación está orzamentada en 34.960,53 euros -IVE incluído- financiados con cargo ao POS+. Con ela o Concello atende unha vella reivindicación veciñal á que agora se lle dará resposta estendendo máis de un quilómetro de canalizacións soterradas desde a condución principal do Concello de Cerdido, que discorre paralela á AC-110.

A nova rede arrancará no lugar do Loureiro, preto do límite con Cerdido -con quen proximamente se asinará un convenio de colaboración con este obxecto-, cruzará a estrada comarcal e seguirá camiño abaixo pola beira da pista até a Casatellada, estendendo nese percorrido dous ramais que acheguen a subministración de auga tanto a un punto do Loureiro como ao núcleo dos Acivros separados varios metros do eixo principal, ademais de cubrir as necesidades das vivendas situadas ao carón das novas conducións.

O groso do traballo consistirá no soterrado das canalizacións de polietileno de alta densidade, xa que haberá que facer unha gabia principal de 825 metros e as dúas que aloxarán os ramais do Loureiro e os Acivros, de 155 e 150 metros respectivamente.

Porén, esta ampliación do abastecemento municipal implica máis traballo hidráulico e de albanelaría. E é que no percorrido das canalizacións soterradas están planificados 12 pozos de rexistro en cemento dotados con chaves de paso que permitan segmentar o fluxo de auga no caso de avarías ou se fose necesario retirar sedimentos.

Neste sentido, e de cara a facer unha xestión máis eficiente da auga, a trama de conducións levará incorporado un contador especial para detectar consumos máis elevados do normal, que adoitan ser sinal inequívoco fugas nalgún punto.

A obra está orzamentada en 28.893,26 euros máis IVE que o Concello financiará con cargo aos fondos o POS+ provincial deste ano. As firmas que desexen concorrer ao contrato teñen de prazo até as 23:59h do día 23 de setembro para achegar as súas propostas técnicas e económicas.